Hickeys – Diamond Munch

19/01/18 • Autoeditado

por | Xan 25, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

O Lo-Fi indie está de moda. Non me miredes a min, mirade ás Hinds, supoño. O garage rock, sen embargo, non sei se deixou de estar de moda algunha vez. Escoitando ás Hickeys, nalgunha que outra ocasión venme á cabeza o indie rock das Sleater-Kinney. Elas, pola súa banda, prefiren declararse glitter punk. Poñéndonos estritos, supoño que non están a crear algo novo e as referencias están aí, pero mola ver a xente querer facer cousas novas.

Hickeys presentan Diamond Munch. EP de cinco cancións nas que as referencias si que permiten crear, aínda sendo recoñecibles, algo novo e destacable. As tres primeiras cancións do EP, de feito, son tan suaves de levar coma unha pista de esquí, deslizándonos nota a nota e verso a verso. Coñecinas por Lights, onde o aspecto máis riot grrrl e punkarra se deixa ver, cunha liña de baixo moi marcada que é unha ledicia.

Tras ese inicio, e antes de volver a bailar en Hickey Hickey Bang Bang, facemos unha pausa cara unha liña máis escura con Solitary Lady, na que aínda que pareza que contén unhas liñas raras, soa ben, funciona ben, e os seus “I want my chemicals/You’re stupid and you don’t understand anything/The lovers, the jokers/Potatoes and cheetos” dálle unha profundidade metafórica ao tema que, sen saber se era pretendido ou non, cómproo.

Hickey Hickey Bang Bang serve como explicación á introdución das Hinds no inicio da review, e é que é onde máis se parecen a elas, recordando tal vez ata demasiado a Bamboo na maneira de levar os retrousos, mais funciona, semella máis propia do que pode resultar a simple vista, ten un ton máis agresivo e rebelde, e o máis importante: divirte.

Tal vez bote de menos algo nas dúas últimas cancións, ou tal vez as tres anteriores convencéronme moito máis, pero incluso ese aire escuro que en Solitary Lady volve dalgún modo nestas dúas, e sen embargo resúltame moito máis pesado, sendo Ysisi e Las Vontris os temas máis frouxos do EP, sendo moi atractiva a idea musical que presentan en Las Vontris como maneira de rematar un traballo.

Diamond Munch é un bo debut, onde Hickeys deixan ver que teñen bastante que ensinarnos aínda e, seguramente, que poidamos pasar un gran momento nun concerto delas. Se isto é o comezo, e os acertos vólvense máis acentuados, tanto nas cancións suaves, como nas divertidas, como nas escuras, o de Hickeys pode chegar a ser moito máis que simplemente entretido.

Hickeys