Atom Rhumba – Cosmic Lexicon

12/01/18 • El Segell de Primavera

por | Xan 25, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

Síntome moi confuso cando tras escoitar algún disco son consciente de que houbo cousas que disfrutei e outras que non mais non son capaz de identificar cales son aquelas que me resultan positivas e cales negativas. Tras a primeira escoita a Cosmic Lexicon sentín instantaneamente o impulso de voltar a darlle ao play para poder saír de dúbidas.

Tras a segunda escoita seguín a estar confuso mais xa había unha cousa que tiña moi clara, a canción que abre este novo disco de Atom Rhumba, titulada The Sea In You resultoume moi disfrutable, o tono escuro e misterioso trasladoume momentáneamente a eses concertos na Roadhouse de Twin Peaks que tan presentes estiveron na terceira tempada da serie. A segunda canción, titulada Tumba Gris, ten un ritmo de batería e unha liña de baixo repetitiva que non aburren en ningún momento senón que fan que siga o ritmo da pista dende seu comezo ata seu final. Sen embargo, pasadas esas dúas cancións continúo a non poder sacar máis conclusións.

Terceira escoita. Podo afirmar con seguridade que a base rítmica das cancións de este Cosmic Lexicon paréceme moi ben interpretada, tanto a batería como o baixo transmítenme a sensación de ter moi bo sentido de ritmo e dotan de boa parte da vida que teñen estas cancións. As guitarras teñen un bo sonido, distorsionadas pero nunca excesivamente ruidosas, os arreglos que realizan están ben interpretados e resultan interesantes en aqueles momentos nos que se alonxan do blues-rock ou o rockabilly máis tradicional.

Por outra banda, a voz en estas cancións semella buscar a actitude e a vitalidade constantemente mais non me remata de convencer, non me resulta unha interpretación que me crea ao cen por cen. Polo demáis este é un disco que se move por varios territorios do xénero do rock, todos eles xa coñecidos e explorados previamente, e se ben hai uns cantos temas satisfactorios Cosmic Lexicon tamén conta con outras tantas pistas que non teñen moito que dicir.

Atom Rhumba