Falsalarma – La Memoria de mis Pasos

10/01/18 • Boa Música

por | Xan 24, 2018 | Discos, Música | 0 comments

Cando volta un grupo despois de moitos anos inactivo, esperas que dito regreso signifique algo especial. Unha actualización, sobre todo. E é que se algo che leva a facer música, o mínimo sería que dito estilo musical te chame a atención. Kase.O e Tribe Called Quest entenderon isto e, á súa maneira cada un, sacaron destacables traballos no ano 2016. Falsalarma, tras sete anos, non sorprenden o máis mínimo. E non só iso, senón que fora da sorpresa, resultan demasiado monótonos e vistos.

Coma unha pantasma, valeira e gris, é a mellor maneira de definir o novo de Falsalarma. As bases, se ben non chegan á limpeza e simpleza noventeira estatal, si que recordan demasiado a ditas producións. Coma se eses sete anos non pasaran, e  Titó i El Santo se mantivesen encerrados nunha cápsula do tempo durante eles, sen ningún tipo de reprodutor de música, sen escoitar ningún tipo de novidade, sen que os avances e novas almas que chegaban ao rap non chamasen ás súas portas. Coma se un coñecemento antigo, milenario, fose suficiente como para que un traballo tivese a actualidade necesaria.

E non se trata de que os ritmos pausados, propios do abstract hip hop ou o cloud rap non estean de moda, nin sexan sinal de éxito. Aí atrás, sen ir máis lonxe, están os excelentes traballos de Fluzo e Erik Urano & Zar1 nos inicios de década, ou incluso o ano pasado os albumes de Gata Cattana ou, incluso máis preto do que Falsalarma tentan facer, o Who Told You To Think ​?​?​!​!​?​!​?​!​?​! de Milo. Sendo máis amables, poderíamos recordar nalgúns momentos ao son dos Chikos del Maiz, mais incluso estes, a nivel produtivo, musical e político, funcionan moito mellor que aquí Falsalarma.

E creo que é necesario mencionar o intento de mensaxe político que tentan transmitir que, en cancións como Deja Que Gaste Saliva, cun Morodo como invitado que deixa demasiado que desexar incluso no estilo musical no que el se move, soltan frases valeiras dun contido real, cunha falta de análise demasiado grande, non sendo capaces de crear nada con xeito. E isto, sen dúbida, é un dos grandes fallos do álbum.

Comida Rápida, con Capaz e Skone como invitados, é tal vez a canción máis salvable de La Memoria de mis Pasos. A base, quizás incluso máis avanzada en produción que o resto, conclúe unha boa revival dese son noventeiro. Porque, incluso este revival non debería ser malo, e se a liña do álbum tirase máis por aquí, tal vez sería moito mellor o produto final. Tamén, e de novo nos últimos foguetes, destacaríamos Seremos Polvo, onde cun aire similar na voz de Morodo, esta vez Jah Nattoh consegue un resultado máis positivo, alonxándose do son típico do ragga e soando máis pop.

Algo que pasou nestes anos foi unha substitución dese ragga por un son máis pop, por unha banda, ou trap, pola outra. En certas ocasións, existen artistas que conseguen manter ese son que no Estado Español estamos destinados a non negar, como pode ser o caso de Garolo, pero cun aire máis xuvenil e renovado, o que non pasa nesta produción.

En resumo, e lamentablemente, Falsalarma non estará nos nosos discos do ano. E non só iso, senón que tampouco o destacaríamos coma un retorno notable e, máis ben, deberíamos calificalo como enlatado. Como xa dixemos, estamos ante unha pantasma. Un ente do pasado, tentando vivir nun presente que non lle corresponde.

Falsalarma