Call me by your name: Autorrecoñecemento, entendemento e aceptación

Verán de 1983. Nunha pequena vila ao norte de Italia, Elio (Timothée Chalamet) pasa os calurosos días de estío nunha casa de campo coa súa familia. O tempo que transcorre entre lecturas, paseos en bici, partituras e baños, no río vese alterado coa chegada de Oliver (Armie Hammer), un mozo americano que axudará ao pai de Elio nas súas pesquisas arqueolóxicas.

“Cando menos o esperas, a natureza atopa os nosos puntos máis febles”, coméntalle Michael Stuhlbarg ao seu fillo na ficción cara o final do filme. O despertar sexual de Elio retrátase nesta película de maneira espontánea e sincera, tan cercano como a natureza que filma Luca Guadagnino para ambientar esta historia de primeiros amores e decepcións. Chíos de paxaros, grilos, follas mecidas polo vento, o discorrer da auga ou o traqueteo dun par de bicicletas que atravesan o campo, conforman un espazo sonoro que acompaña imaxes de cores vivas bañadas por unha luz que se reflexa nas superficies de maneira case cegadora.

O xeito no que esta natureza se introduce nos planos tamén se traslada á maneira na que as personaxes interactúan entre si a nivel corporal e tamén propio escenario que lles rodea. Elio e Oliver abrázanse, tócanse e bícanse de maneira intensa, pero o protagonista tamén crea vínculos emocionais cos seus amigos e os seus pais a través da proximidade física, de caricias e apertas. Mans que tentan froitos, céspede, madeira, pedra; pel núa que suda, que se mergulla en augas frías, que enferma. Estamos ante un filme profundamente sensorial.

Call Me By Your Name, aclamada en festivais como o de Berlín, San Sebastián ou Toronto, apunta cara o tema do recoñecemento persoal en dúas direccións: o coñecemento propio, o autorrecoñecemento, pero tamén o recoñecemento dun mesmo noutra persoa. Non en vano a escena que dá nome á película alude a estes conceptos de entendemento e aceptación. En varias ocasións, Elio menciona a imposibilidade de comunicarse, de transmitir os seus sentimentos (a música de piano actúa como metáfora dos seus pensamentos desordeados), pero comeza a darlle forma a estas ideas grazas a Oliver. “Por que me contas isto?”, pregúntalle o convidado a Elio, que responde “Porque quería que o soubeses”. E, mentres comeza de novo a camiñar, repite para si estas mesmas palabras, comprendéndoas como se ata o momento lle fosen alleas.

O filme, sen embargo, emprega cada vez menos diálogos a partir do último terzo, á vez que o silencio cobra máis protagonismo, compaxinándose co son ambiente e as cancións dunha banda sonora na que destacan as composicións de Sufjan Stevens. A conversa entre pai e fillo e os créditos finais, cunha emotiva e desgarradora interpretación dun Timothée Chalamet que se desarma ante a cámara, rematan por confirmar que Call Me By Your Name é unha das estreas máis fermosas que poderemos ver este ano.

Call Me By Your Name


Director
: Luca Guadagnino
Música: Sufjan Stevens
Guión: James Ivory
Fotografía: Sayombhu Mukdeeprom
Ano: 2017
País: Italia

Frenesy Film Company | RT Features | La Cinéfacture | Water’s End Productions | M.Y.R.A. Entertainment | Lombardia Film Commission