Select Page

Merecen unha escoita: Maxo Kream, BØRNS, Typhoon, The Neighbourhood, Black Rebel Motorcycle Club

Merecen unha escoita: Maxo Kream, BØRNS, Typhoon, The Neighbourhood, Black Rebel Motorcycle Club

TSO Music Group/Kream Clicc

Maxo Kream – Punken

O de Maxo Kream prometía máis. Lamentablemente, queda nun pasaxeiro disco no que trap e rap confúndense moitas veces (no bo sentido). Sen embargo, moitas veces resulta demasiado simplón e con moi pouco gancho, non o suficiente como para gustar, aínda que tampouco como para consideralo un mal LP. En xeral, Maxo Kream introduce no mercado un traballo decente.

 

Roll Call Records

Typhoon – Offerings

Podemos identificar sen ningunha dificultade de onde ven o son que Typhoon tenta crear: partes de Sufjan Stevens, partes de Vampire Weekend, con cancións demasiado limpas nalgunhas ocasións e non o suficientemente sucias noutras. Un disco longo, sinxelo de escoitar, pero que non chegou a encantarnos tanto como nos gustaría. A destacar, Unusual.

 

Interscope Records

BØRNS – Blue Madonna

As cancións de Garrett Borns en Blue Madonna móvense de novo no ámbito do pop electrónico, e non son malas cancións, é un disco correcto, que funciona, pero non namora. Algúns dos momentos máis interesantes do disco son, aínda que escasos, aqueles nos que rompe cos seus propios esquemas, como pode ser a canción Iceberg na que por algúns intres tanto a música como as melodías da voz semellan acercarse á psicodelia de Tame Impala.

 

Columbia Records

The Neighbourhood – To imagine

Que a estas alturas un grupo como The Neighbourhood, con todo o seu a favor para completar un traballo de indie pop moderno, decente, vangardista, sega fallando unha e outra vez é unha das cousas máis dolorosas que nos podiamos botar á cara musicalmente falando. To Imagine é unha repetición, unha vez máis, dos mesmos fallos. A escoita? Ben, se queredes aforrala, ide directamente a Heaven, porque ese si que é un tema bo. Esperamos que os remixes melloren o asunto, porque é posible.

 

Abstract Dragon

Black Rebel Motorcycle Club – Wrong Creatures

Neste novo traballo, Black Rebel Motorcycle Club continúan desenvolvendo a súa revisión do blues-rock. nesta ocasión con temas e ritmos moito mais pausados que nos seus discos anteriores. As guitarras teñen un son menos seco e veñen cargadas de efectos de delay e reverb, tendo como resultado un son moito máis atmosférico. Mais isto que semella que podería ter como consecuencia un disco máis sorprendente resulta finalmente en un traballo monótono e pouco definido no que soamente logran destacar os singles de adianto.