Select Page

First Aid Kit – Ruins

19/01/18 • Columbia Records

por | Xan 23, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

First Aid Kit é un dúo sueco de folk formado polas irmás Klara e Johanna Söderberg, quenes saltaron á fama no ano 2008 mediante seus vídeos en YouTube. Ruins é xa seu cuarto disco de estudio, no cal continúan a desenvolver a súa proposta na que a música ao estilo de Nashville atopa puntos comúns con indie.

As harmonías vocais e a instrumentación country continúan a ser os elementos fundamentais nas cancións de Ruins, como acontece na primeira canción, Rebel Heart, un tema ben interpretado e estruturado, con ritmo e que sorprende cara o final. A medida que as cancións continúan avanzando no tracklist atopamos máis melodías coidadas, cancións correctas e unha produción axeitada, mais semella que non hai ningún momento máis que sorprenda dende o cambio de tempo de Rebel Heart.

Isto non sucede de novo ata case o final do disco, Hem of Her Dress é unha canción na que as guitarras abandoan os arpexios tan presentes na maior parte do disco para facer uso de un rasgueo marcado e agudo. Cara o final da canción engádense unhas trompetas á instrumentación e un coro grabado en directo comeza a tararear unha melodía que transmite unha sensación de espontaneidade moi conseguida e axeitada para a peza. O último corte do disco, Nothing Has to Be True conta con elementos instrumentais que aparecen por primeira vez en todo o álbum, como a presencia de acomples e outros ruídos empregados como elementos musicais. Esta canción conta tamén con un final climático no que a instrumentación gaña varios niveis de intensidade con respecto a dinámica predominante no resto do disco, funcionando como un punto final satisfactorio.

Ruins é un traballo correcto, con momentos de beleza musical, ben interpretado e con unhas letras ben escritas, seu único erro é tratar de ofrecer o mesmo en moitas das súas cancións tendo así por resultado un traballo que por momentos pode resultar pouco atrevido ou repetitivo, máis as cancións máis destacadas deste disco ben merecen unha escoita.

First Aid Kit