Select Page

FAVX – WELFARE

12/01/18 • Miel de Moscas/Burger Records

Non sei nin por onde empezar. Sendo sinceros? Esperábame algo bo, pero non TAN bo. O de FAVX é unha auténtica festa musical, e máis se temos en conta que estamos ante o primeiro EP dun grupo emerxente como este, que acaba de lanzarse de xira por todo o Estado. Preguntémonos cantos grupos novos, nun abrir e cerrar de ollos, son capaces de sacar algo tan completo. Sinceramente? Poucos. E aquí estou, escribindo as liñas para falar de algo que me alucinou a niveis que non creo nin que sexan correctos comentar nesta review. Podo irvos adiantando que na miña lista persoal WELFARE vai estar nun lugar destacado.

E así se chama isto: WELFARE. Benestar, traducido ao noso idioma. Que, supoño, é o que chega aos meus oídos ao escoitar isto. Un pequeno EP de apenas 20 minutos no que pop, post-punk e o noise se fusionan para sacar adiante unha das mellores obras do ano, e iso que o acabamos de comezar!

Xa en pouco, despois de abrir con The Dancer, Fireking comeza a golpear os nosos oídos. Guitarras sucias, moita produción detrás e un pequeno cantar entre grito e rumor no que nos perdemos entre berros chegados ao retrouso, e vémonos gritar o nome da canción unha e outra vez sen deixar de mover os pés. Unha e outra vez, unha e outra vez, ata rematar a canción cun contundente golpe de batería e outro berro máis, chegando ao clímax musical.

Outra sensación similar chega a nós na “picarona” Vanilla. De novo, a repetición de frases mantenos dentro da canción. Esta vez rezamos unha e outra vez un rabioso e duro “She wants to” tras grandes explicacións de dita acción. As guitarras, unha vez máis, demasiado duras para o pop, e demasiado pop para o post-punk, conseguen un efecto grandilocuente.

Que lle falta, entón, a WELFARE? Quizás, un dos problemas máis grandes do álbum veña da dependencia das cancións máis secundarias, tamén decentes, tal que The Dancer ou Flowers to the West, ante os grandes sinxelos do EP, que conseguen non só manter mellor a nosa atención no que estamos a escoitar, senón que nos levan máis alá. Esta diferencia, se acaso, sen chegar a molestar, si nos fai (máis) conscientes dos temazos que acabamos de escoitar.

Esperando dende xa o primeiro longo de FAVX. Con ansias, dende logo, de voltarnos a sorprender. Polo de agora,  que non é pouco, estaremos no Embora desfrutando deles este xoves 1 de febreiro grazas á Melona. Non volo perdades!

FAVX