Select Page

Tres anuncios nas aforas

Se algo nos ensinou máis dun século de cine estadounidense é que a vinganza non só está ben, se non que é recomendable. Tomate a xustiza pola túa man, non te deixes pisotear, se alguén te pega ti a devolves máis forte. Agora chega Martin McDonagh, un director irlandés, para dicirnos que pode que iso non estea tan ben.

Tres anuncios nas aforas é unha comedia negra que ironiza sobre o rancor. Ambientada no EEUU máis profundo e rural, a trama segue a unha muller que ante o desinterese que parece mostrar a policía do pobo pola súa filla violada e asasinada hai menos dun ano, decide alugar tres vallas publicitarias avisando disto.

O elenco de personaxes que acompaña esta historia é incriblemente carismático a todos os niveis, apoiado evidentemente por un reparto de luxo, no que cabe destacar a Frances McDormand no papel protagonista. Son persoas que dalgunha forma perderon a esperanza na vida e viven nun ciclo de misantropía da que se valen para sobrevivir, chegando a este nivel de cinismo a través da xa citada vinganza e non ser capaces de superar o seu propio pasado.

Todo isto ven acompañado dun humor que pretende ser chocante e violento, que parece estar descolocado por que todo isto non debería resultarnos gracioso, un comentario sobre o insensibilizados que estamos ante certo tipo de cousas. Pero tampouco é que exista unha máxima barata que extraer: basicamente, os feitos son os que son e son horribles, pero o director non sabe (ou non quere contar) cal é a solución para superar tantísimo percorrido de historias que nos din que debemos alzarnos por enriba incluso da lei para protexernos a nós mesmos.

O principal fallo da película é que pasa dos momentos xenuinamente graciosos aos momentos xenuinamente dramáticos de forma un pouco torpe, sendo un cambio moi brusco que por exemplo non pasa cando é capaz de presentar actos graficamente violentos como comedia. Pero non chega pasar tanto como para que arruíne a experiencia, polo que o final temos unha película máis que notable que está arrasando en premios e probablemente siga unha tempada máis, sendo bastante merecidos. Unha produción moi coidada a nivel técnico e con moito mimo a nivel narrativo. Unha moi boa película, en definitiva.

Tres Anuncios nas Aforas
(Three Billboards Outside Ebbing, Missouri)


Director
: Martin McDonagh
Música: Carter Burwell
Guión: Martin McDonagh
Fotografía: Ben Davis
Ano: 2017
País: Estados Unidos

Blueprint Pictures