Select Page

SES – Readmirando a Condición

01/12/17 • Fol Música

por | Xan 22, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

Non por nada, SES, María Xosé Silvar, é unha das artistas máis queridas do noso país. Toda unha xeración criouse con ela, dende a nosa adolescencia ata agora, e moitos dos temas deste revisionado álbum, publicado primeira vez en 2011 baixo o nome de Admirando a Condición, fixo que moitas nos introduciramos por primeira vez na música en galego, e raro sería que alguén non coñecese temas como Tempestades de Sal, Pepa ou Non son Fada a día de hoxe. E, sen embargo, non evito preguntarme se esta revisión ao seu primeiro traballo era estritamente necesaria, ou, en caso de selo, se a propia María Xosé pensou que isto sería un traballo que deberiamos ter en conta de verdade.

Moitos grupos e artistas, co paso do tempo, cambian o seu estilo musical. Moitas veces, este paso dáse de dúas formas: en primeiro lugar, os albumes que van a crear tradúcense en estilos musicais diferentes aos iniciais, arriscando ás veces, e outras simplemente tirando de cousas que estaban aí e que simplemente se ían facer paso. Por outro lado, ese cambio, necesario, tradúcese nun cambio nos seus directos. Os temas dos seus traballos antigos varían, e non soan igual, senón que tenden a ser moito máis similares ao son actual que ao que en primeiro lugar recibiron.

Entón, agora, introducímonos nun terreo pantanoso. O blues rock, quizais o estilo musical no que é máis sinxelo clasificar a SES, é un estilo antigo. Tan antigo, que podemos irnos ata Lonnie Mack nos anos sesenta para falar del, e de como foi evolucionando, introducindo novidades e sons, sempre respetuoso consigo mesmo, pasando nos anos a mans de grupos coma os Rolling Stones, Cream, os Fleetwood Mac, Gary Moore, os Deltonos, ou, incluso a día de hoxe, acercándonos na súa rama máis tradicional aos máis que coñecidos The Black Keys ou, na súa rama máis experimental, e quedando a nivel estatal, aos andaluces Guadalupe Plata. E, dentro disto, onde se sitúa SÉS? Nunha pequena involución.

Neste disco, SES sáltase o primeiro paso do que falei antes. O seu traballo en Readmirando a Condición é unha actualización, si, do seu son fai sete anos. Mais non é unha actualización real. O estilo segue sen evolucionar de verdade, e se ben un revival pode chamarnos a atención en certo momento, debemos esixirnos a nós mesmos e as nosas artistas algo máis. Tola Atrás de Ti soa, sen ir máis lonxe, como calquera canción de rock & roll de mediados dos cincuenta e principios dos sesenta, saltándose toda unha evolución musical que fai que o traballo que outros moitos artistas están a asinar a día de hoxe nos resulten infinitamente máis atractivos que o traballo de SES.

Ademais diso, aínda que se nos presenta o disco como unha actualización REAL, incluso esta fai augas. Non podo observar toda esa potencia antes inexistente da que se falaba. De feito, incluso vexo máis amor e alma no primeiro traballo que neste no que, se ben o virtuosismo e capacidades instrumentais, por razóns obvias, son maiores no quinto álbum dunha artista xa consagrada que nun álbum debut.

Non sei. A verdade, gustaríame poder dicir algo de verdade bo de este álbum. Gustaríame que unha das nosas artistas máis consagradas e coñecidas, que tantas e tantas se moven para vela en directo, puidese presentar a estas alturas un álbum no que deixarme boquiaberto, incluso aínda que mantivese un estilo máis tradicional. Non pido tanto, e non creo que se me estea dando nin a metade do que debería. Readmirando a Condición remata sendo un produto vago, onde non sorprende nada, nin se cambia de maneira drástica un traballo cun alma previa.

SES