Shame – Songs of Praise

12/01/18 • Dead Oceans

Songs of Praise  é o disco debut da banda londinense Shame. Un álbum que, ao igual que a proposta de outras bandas actuais como Savages, móvese principalmente nos terreos do xénero do post-punk. Sen embargo, a pesares de que poidamos atopar referentes do son que Shame nos plantexan en bandas de ata hai catro décadas, Songs of Praise non precisa en ningún momento do elemento nostálxico para resultar interesante e entretido a partes iguais.

Dende o comezo da primeira canción do disco queda claro que Shame son capaces de desbaldir vitalidade e enerxía e a partes iguais. A carismática voz de Charlie Steen consegue aportar en todo momento un punto máis de actitude e intensidade a unha base instrumental que xa de por si non resulta plana en ningún momento. “My voice ain’t the best you’ve heard, and you can choose to hate my words, what do I give a fuck?” canta Steen en One Rizla, a primeira canción composta pola banda cando aínda eran un grupo de compañeiros de clase de 16 anos.

En The Lick atopámonos con algo que está a medio camiño entre Joy Division e o hip hop, mentres que en pistas como Friction a banda acércanse máis ao brit-pop de grupos como The Stone Roses, con un estilo máis melódico e menos incendiario pero que de algunha maneira logra non transmitir en ningún momento a sensación de que se está a levantar o pe do acelerador. O único momento de descanso en todo o disco é o comezo da canción que pecha o álbum, Angie, máis a calma non dura moito xa que a partir da marca dos 4 minutos ata o final volta a intensidade.

Shame mediante os 40 minutos de duración de Songs of Praise conseguen amosar que son unha banda con moita máis actitude, carisma e visceralidade que a maior parte dos grupos de rock británicos que xurdiron na última década. Sen explorar novos territorios musicais, con este disco debut non cabe dúbida de que lograron confeccionar unha interesante carta de presentación, que sen dúbida fará que moitos ollos se pousen sobre eles.

Shame