Monow – Game Over

10/12/17 • Vida Underground Music

por | Xan 19, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

Antes de chamarse Monow, coñecíamos os traballos deste lalinense por Moyá. O 12 de febreiro de 2016 publicaba na súa conta de Youtube unha mixtape chamada V.A.C.I.O, na que as súas liñas musicais respiraban moitísimo máis hip hop do que todas podíamos atopar a principios de século no Estado Español, e do que de tipo corte podemos atopar, tal vez, a xente como Ayax y Prok como principais herdeiros de dito son actualizados ao noso século. Mais Moyá, ou agora Monow, non era eles, e o seu traballo non era tan redondo nin por asomo.

Pouco despois, como moitas outras, empezou a tentar traballar no de “moda”: o trap. En traballos coma o seu Reptilivnv (con Svrv e Toti), onde aínda incluso podíamos atopar o seu nome clásico modernizado a Moyv, Manuel Justicia (o seu nome real) comezaba un novo camiño bastante influenciado por traperos como Young Thug ou Future, de corte máis clásico-americano.

O traballo final que mostra agora neste novo Game Over, cunha canción do mesmo nome que aquela mixtape de 2016, Vacío, segue tendo esas influencias, máis tamén contén no seu traballo un son actualizado ás posibles esixencias do mercado estatal, recordando en certos momentos a outros artistas como Agorazein, e actualizando a súa produción a algo máis profesional, contando con xente como Jambo Beats aos aparatos.

A diferencia daquel V.A.C.Í.O, agora vemos a un Monow moi seguro do que está facendo: as preocupacións pola madurez, psicolóxica e musical, son moi palpables na maioría de cancións, creando unha liña musical en toda a obra, e aparecendo por fin algo fora de singles soltos nos que copiar ou imitar liñas creadas por outros. Moyá, ou Monow, consigue en Game Over atopar o seu sitio nunha industria musical na que ata agora non parecía sentirse realmente cómodo, collendo todas as súas influencias pasadas e creando un traballo completo.

Esa influencia de Young Thug falada antes está de novo palpable, aínda que mellor definida e máis propiamente, no mellor tema do álbum: Digital Girl. Nela, Burgas Vandal e Monow conseguen facer un tema de trap actual que no caso de ser máis coñecidos estaría nas listas musicais do ano, non tendo nada que envexar aos máis grandes do movemento estatal.

Monow atopou o seu sitio. El mesmo di de si que non é trapero, nin rapeiro, que é Manuel Justicia. O traballo de Game Over é unha herdanza propia de influenzas, unha creación propia na que se mostra unha personalidade e propiedade en varias ocasións máis que destacable. Tal vez, si, ás veces falte algo desa identidade nalgúns temas, ou sexan demasiado obviables, como pode ser o caso de Errror, pero é un bo camiño antes non recoñecible.

Monow