Juan Carballo & Manolo Tarancón – Asuntos Pendentes

15/12/17 • O Faiado

por | Xan 17, 2018 | Discos, Música | 0 Comentarios

Se son totalmente honesto, a maioría das veces que vexo unha obra na que se vai mesturar música e poesía tendo a entrarlle con pes de chumbo. Si, obviamente, na música vocalizada hai estrofas, normalmente versadas, máis non é o mesmo que coller ambas disciplinas, tan distintas entre elas á par que irmandadas, e facer algo coma o que Juan Carballo e Manolo Tarancón fan aquí saíndo así de triunfantes do intento, entrelazando palabra e canto dunha forma tan ben fusionada.

Juan e Manolo idearon esta obra como un audio-libro, e aínda que estamos centrándonos nunha crítica musical, e non tiven a oportunidade de achegarme á obra completa tal e como foi ideada, podo dicir con seguridade que, tal e como a experiencia musical é, a plenitude desta seguro que é, como mínimo, igual de completa. E é que non é sinxelo sacar un intimismo tan puro dunha obra na que a música ten unha produción tan fina, sendo moi coherente coa obra e co que se está intentando contar.

Asuntos Pendentes é unha obra feita dende o corazón, chea de cancións que escoitar nun momento de febleza sentimental, onde a canción se fusiona con elegancia coas verbas que soan con firmeza e emotividade coa voz de Juan Carballo.

Os baixos corren a cargo de Carlos Soler, que sabe transmitir a lixeireza necesaria e acompaña á perfección as cancións, sendo parte necesaria do traballo de Carballo e Tarancón, a destacar as súas belas liñas en Así, que xoguetean coas guitarras de Manolo e transmiten a totalidade que a canción debería e busca enviar aos nosos oídos.

A destacar, tamén, a primeira canción do disco: Hai Días promete unha distorsión que teríamos agradecido escoitar máis no resto de álbum, cunhas cada vez máis fortes e sonoras guitarras dando ás verbas de Juan “Agora que ninguén precisa a miña poesía/nin se achega aos recitais/nesta terra de auga e sede/agora que ninguén enche a túa ausencia/nin se preocupa se me atopo ben ou mal” a ansiedade e malestar que procuran.

Tal vez, o limitante da obra sexa esa sinxeleza e falta de atrevemento que o propio estilo musical no que se moven ten, máis saben darlle o toque necesario para facer que esta obra, de tan só 22 minutos, non acabe no noso esquecemento. Teríanos gustado que esa experimentación que ás veces procuran estivese máis presente, non índose á música máis mainstream e de estilo típico de canta-autor, sendo moito máis potente o que presentan en cancións como a xa mencionada Hai Días ou Na Vindeira Vida. E, de feito, estaríamos encantados de escoitar unha obra completamente nesa liña.

Juan Carballo

Manolo Tarancón