Select Page

Jeff Rosenstock – POST-

02/01/18 • Specialist Subject

Dende a primeira escoita a POST- de Jeff Rosenstock resulta moi evidente que é un disco que ten perfectamente claro en todo o momento cal é o seu obxectivo e como conseguilo. A medio camiño entre o power-pop e o rock alternativo este disco logra resultar accesible en todo momento, con melodías moi marcadas, xogando constantemente cos cambios de dinámica e atrevéndose a romper coas estruturas tradicionais das cancións de estes xéneros en pistas como USA.

Hai dous factores que conseguen que este disco teña un son fresco e atractivo mesmo sen tratarse de ser unha proposta especialmente novidosa. O primeiro de eles sería a interpretación das cancións que conforman POST-, tanto a voz como a instrumentación atópanse cargadas de enerxía e vitalidade ao longo dos 40 minutos de duración do álbum, logrando manter un nivel de intensidade destacable en todo momento.

En segundo lugar a produción do disco semella buscar intencionalmente a imperfección, alonxándose así do son prefabricado e plano de moitos outros discos de estilos musicais moi similares. As voces en moitos momentos mesmo semellan ser unha primeira toma, buscando máis o impacto emocional da interpretación que a afinación perfecta e impoluta. As guitarras, igual que o resto da instrumentación, soan sucias e con un tono analóxico que non se esvaece coa inclusión puntual de sintetizadores e outros elementos electrónicos.

As letras ao longo de todo o disco teñen un carácter combativo, que destaca especialmente na última canción Let Them Win, que con unha duración de máis de once minutos é a pista máis longa do álbum, a cal conta con un final extenso conformado por uns acordes tocados con sintetizadores que funcionan como un axeitado peche case catártico a este disco.

Jeff Rosenstock