Select Page

Esteban & Manuel – La Banda Sonora de tu Día a Día

20/04/17 • La Melona

por | Xan 16, 2018 | Discos | 0 Comentarios

Descubrín a Esteban & Manuel case por casualidade. Era decembro, plenos exames, e o Mercado da Estrela unha data marcada no calendario de todas maneiras porque de forma gratuíta ía poder ver moitos grupos e artistas que levaba anos escoitando, e algunha amizado moi grande e importante para mín coa que levaba moito tempo sen coincidir ía estar bailando nesos concertos. Por alí andaban Puma Pumku, Pablo Und Destruktion, Bifannah, ou Agoraphobia. E, entre todas as cousas que ofrecía a Estrela, Esteban % Manuel. E, sen lugar a dúbidas, foi o concerto máis divertido de todos.Coñecín a cumbia peruana fará dous anos, e foi raro para mín que algo do que sempre tivera unha arcaica idea negativa, encantárame. E así pasei boa parte do ano descubrindo grupos como Chicha Libre, Sonido Gallo Negro ou, incluso o ano pasado, Hit La Rosa. A primeira impresión sempre é igual, e faste a ti mesmo a pregunta “Por que me está encantando algo así?“, e antes de que te des conta estás bailando ti só na túa habitación. E algo así pasa tamén con Esteban & Manuel, herdeiros aínda que sexa de forma indirecta xa non só deste son, senón desta sensación.

O disco comeza con Buenos Días, unha canción instrumental relaxante que remata cunha locución radiofónica anunciando que acabamos de escoitar a Esteban & Manuel. Dende aí, o disco practicamente non deixa un minuto para que os teus pés non queiran moverse no chan ao ritmo de cumbia, sendo a única pausa, e tampouco real, Ebony Hot. E é que esta, se o pensas, é unha pausa necesaria. O disco de Esteban & Manuel funciona como un auténtico setlist dun dos seus concertos, e reproduce as emocións e sensacións que podes ter nese instante. Tras mover as cadeiras coma un tolo con El Camino Del Milla e La Paya Papaya, agradeces ese momento máis lento para respirar. Pingo volve resucitar pouco a pouco as túas gañas de bailar, e Ela Namoroume e Hombres del Siglo XXI outórganche ese baile desenfreado que estabas a esperar. E é que unha vez colles aire e estás listo para volver tentar romper os coxais, a cousa segue sen parar ata o final.

E se empezábamos cun “Buenos Días“, ímonos cun “Buenas Noches“, onde as gañas de continuar bailando tras os dous temazos precederos e a sensación de conclusión fúndense noutro bailoteo.

La Banda Sonora de tu Día a Día é un traballo bastante sólido, que funciona perfectamente escoitando o disco ao completo, sen dependencia de singles, trasladándote a un concerto de Esteban & Manuel e facéndote querer romper as cadeiras canción a canción. Se ben o son en certos momentos resulta máis limpo do desexable, as sensacións que deixa son moi, moi boas.

Esteban & Manuel