por | Xan 15, 2018 | Música, Novidades | 0 Comentarios

Os nosos 10 discos máis esperados de 2018

Dásenos ben chegar tarde ás cousas. Sen ir máis lonxe, xa chegamos tarde para sacar as nosas listas do mellor de 2017 dende aquí dende Balea. Isto é un intento de cambiar iso. Hoxe, e para comezar con bo pé non só a nosa andada, senón tamén o noso ano, deixámosvos cos 10 albumes que máis desexamos escoitar este ano 2018.

Saltamos entre rumores, anuncios e desexos, entre o País, o Estado e o planeta, e desexamos que aparezan en vós ao menos a metade de gañas que temos dende aquí.

Jack White – Boarding House Reach

Jack White amosou xa moitas veces, coas súas tres bandas e seus proxectos en solitario, que é dos músicos que mellor sabe botar unha ollada cara atrás para facer algo novo. Sen embargo tras escoitar o vídeo-collage de adianto do seu terceiro disco Boarding House Reach, da a sensación de que de esta vez non botou a vista tan atrás, xa que semella que podemos atoparnos ante o lanzamento máis electrónico do multinstrumentista americano.

Data de lanzamento: 23 de marzo.

My Bloody Valentine

Tras os 22 anos que separaron o xa clásico do shoegaze Loveless da súa continuación MBV lanzado no ano 2013, todo fai semellar que desta vez a espera por novo material de esta banda será máis breve. Kevin Shields afirmou que este ano sairía moi probablemente á luz un novo disco de My Bloody Vallentine. Se algo deixou claro MBV é que a experimentación sonora e os elementos máis noise que xa se adiantaran en Loveless seguen a estar máis que presentes no novo material de My Blood Valentine. O último que sabemos, é que será un EP.

Data de lanzamento: Descoñecida.

Grimes

A artista canadense Claire Boucher mediante seu pseudónimo musical Grimes está desenvolvendo unha das propostas máis interesantes na música pop actual. Dende os seus primeiros discos que tiñan un compoñente máis experimental e lo-fi ata seu último lanzamento, Art Angels, publicado no ano 2015, Grimes deixou claro en todo momento que no quere estancarse en un único estilo ou estética. Precisamente en Art Angels o achegamento ao son do pop mainstream confrontouse con elementos sonoros sorprendentes próximos á música industrial ou colaboracións con rapeiras taiwanesas, razóns polas cales será moi interesante ver por que camiños se moverá a nova música que Claire Boucher afirmou que sairá á luz durante este ano.

Data de lanzamento: Descoñecida.

Massive Attack

Xa pasaron 8 anos dende o lanzamento do último disco da banda por excelencia dentro do xénero do trip-hop. Dende o ano 2014 lévase falando xa da posibilidade de un novo álbum de Massive Attack, pero non foi ata o 2016 cando saiu nova música do dúo de Bristol co lanzamento do EP Ritual Spirit e posterior o single The Spoils. Algunhas das cancións de estes lanzamentos poderían considerarse do material máis interesante lanzado por Massive Attack en case 20 anos. Todo parecía apuntar a que veriamos un álbum de longa duración no ano 2017, sen embargo non foi así. Agora en este 2018, coa noticia de que a banda seguirá xirando, esperamos por fin poder darlle unha escoita a un novo disco do dúo formado por Robert del Naja e Grant Marshall.

Data de lanzamento: Descoñecida.

Bala

A dupla formada por Ánxela e Violeta leva dando moito que falar os últimos anos en Galicia. A potentísima música que podemos atopar nos dous primeiros discos de Bala e os seus concertos viscerais lograron que esta banda galega xa se gañara un nome a nivel internacional. A xira do seu fantástico segundo álbum, Lume, levounas a escenarios de países como Xapón ou Australia. Para comezar este 2018 déronnos a noticia de que este ano pretenden lanzar un novo disco do cal cabe preguntarse se continuará a proposta enérxica e directa dos seus predecesores ou se marcará algún cambio de rumbo no son das coruñesas.

Data de lanzamento: Descoñecida.

Oh! Ayatollah – Volve a canción protesta

Case rematando o ano, Oh! Ayatollah concedeunos un pequeno agasallo de Nadal: Volve a canción protesta, unha canción coa que se nos caía a baba e facíamos esvarar a calquera que pasease preto nosa. E a alegría fora dobre: non só era un temazo, senón que ademais anunciaban que daría nome ao seu primeiro LP. Igual que eles dicían na canción, nos tamén queremos máis, así que benvidos e oxalá sexa tan incrible como parece que vai ser.

Data de lanzamento: 2 de febreiro.

La Plata – Desorden

O ano pasado, La Plata sacaba o seu primeiro EP, Un Atasco (2017). Se houbese que definilo cunha palabra, sería impresionante. Riffs tolos, enerxía pura, rabia para nada contida e letras directas e finas. O de Un Atasco deixábanos con gañas de máis, e máis de un rescatou da súa biblioteca a Parálisis Permanente para pasar o mono. Agora, chegados a 2018, sabemos que a espera chegará ao seu fin dentro de moi pouco, e estamos máis que contentas.

Data de lanzamento: 2 de marzo.

Natos y Waor – Cicatrices

O 4 de decembro de 2017 Natos y Waor lanzaban un novo tema: Cicatrices. Lonxe de quedarse aí, sabíamos xa dende antes que este sería o nome do seu novo álbum, polo que comezábamos xa a rodar na espera a que o traballo estivese totalmente público para nós. A espera é curta xa, máis con Underground Kings os madrileños non fixeron máis que pórnos os dentes aínda máis longos.

Data de lanzamento: 13 de febreiro.

Brockhampton – Team Effort PUPPY

O de Brockhampton o ano pasado foi unha loucura. Apareceron da nada, capitaneados por un Kevin Abstract que viña de sacar o ano anterior o seu American Boyfriend: A Suburban Love Story (2016), e de repente lanzaron a triloxía Saturation, que coparon moitos dos postos máis importantes das listas do mellor de 2017. Sen darse un tempo para descansar, os de California métense nunha xira mundial anunciando antes a saída este ano de Team Effort. Se o resultado final é a metade de excelente que os seus traballos de 2017, estamos encantados.

Tras moitas voltas, os Brockhampton anunciaron que ao final o álbum Team Effort non será lanzado, e no seu lugar están a preparar un novo traballo que será chamado Puppy. Según Kevin Abstract, prometen algo novo no grupo que poida que non guste a todo o mundo.

Data de lanzamento: Verán 2018.

Arctic Monkeys

Cada ano que os Arctic Monkeys sacan disco pásanos o mesmo: o noso eu actual aproveita calquera oportunidade da que dispón para hatear deles ata a saciedade, e sen querer de golpe atopámonos en debate connosco mesmo porque, unha vez máis, estamos a queimar a escoitas o seu novo traballo. Xa nos pasou co AM (2013), onde R U Mine? sonroxounos a máis de un tras facer air drumming en sitios públicos, e dubido moito que non nos pase de novo este 2017. Aínda a día de hoxe sen máis novas que entraron no estudo, e con moitas incógnitas sobre por onde tirarán esta vez, algo nos di que un ano máis estaremos escoitando aos de Sheffield ata a saciedade.

Data de lanzamento: Descoñecida.