Eladio Y Los Seres Queridos – Historias de Caza

2017 • Autoeditado

por | Xan 15, 2018 | Discos | 0 Comentarios

Sempre me preguntei polo que lles fallou a Eladio Y Los Seres Queridos para non conseguir un éxito maior. Será que ten un nome demasiado longo para o que fan e así non vende? Ou que tal vez ese nome non pegue coa música que fan. Non sei, algo así soa máis indie, máis roio Triángulo de Amor Bizarro, ou Él Mató A Un Policía Motorizado. É menos directo. Menos recordable. Pero, a nivel musical, non difiren demasiado do que moitos grupos estatais coñecidos venderon e co que conseguiron ser cabezas de moitos cartaces da península.

Supoño que podemos ver isto como unha arma de dobre fío: por un lado, unha condena cara unha eterna vivencia na metade dos cartaces galegos; pola outra, unha bendición que lles permitiu desenvolver o seu estilo e o seu talento fora das mega-producións, pulíndose a si mesmos.

Temos que ver Historias de Caza coma o que é: un cuarto disco dun grupo. Algo así debe presentar xa unha madurez, debe ser liricamente chamativo e debe demostrar que se deron pasos dende os primeiros traballos presentados pola banda. E neste caso, en parte, dáse isto. As florituras e o pop eléctrico pasan a un segundo plan, e lonxe queda o son xovial de Están Ustedes Unidos (2012). A madurez de Eladio e os seus déixanse caer canción a canción. Pianos e detalles costumbristas plenan a obra e dan un cálido abrazo a todas as que decidimos introducirnos na escoita.

Sen embargo, se ben cumpre a teoría e as intencións de madurez e crecemento están aí, o estilo e o atrevemento que Eladio Y Los Seres Queridos presentan deixa moito que desexar. Supoñendo de novo que esa madurez está aí, tamén debería ser unha intención de superarse a un mesmo e a súa obra, ou niso debería consistir a madurez musical, mais o traballo de Historias de Caza resulta, como moito, entretido. As letras non son consistentes, e a instrumentalización non presenta algo realmente novo ou suficientemente encantador. E así, a produción simple salva ao álbum, pero non consegue namorar.

Temos ante nos unha obra feita con cariño. Cálida. Unha obra na que Eladio déixase escoitar con maior facilidade e proximidade que de costume, pero sen chegar a destacar demasiado. Con todo, atentos ao seguinte que saquen, e esperando que o conseguido aquí siga materializándose mellor no futuro.

Eladio Y Los Seres Queridos