Select Page

Agoraphobia – Incoming Noise

2017 • Autoeditado

por | Xan 15, 2018 | Discos | 0 Comentarios

Incoming Noise é o primeiro disco de longa duración da banda de Boiro Agoraphobia. Lanzado tras a saída do grupo da guitarrista Aislinn, este traballo sitúase nun territorio sonoro marcadamente diferente ao punk con letras en castelán de Mentir y Gobernar (2010), funcionando máis como unha refinación da proposta que a banda plantexou nos EPs Dirty Little Things (2014) e Ready to Play (2015).

Os primeiros segundos da pista inicial Karlova marcan o tono que seguirá este traballo, cun riff entrecortado que xoga ritmicamente coa voz. As guitarras sucias e por momentos ata espaciais dominan estas cancións creando un muro de son que soamente se despexa en determinados instantes dando espazo a ritmos de batería pesados coma os do segundo corte Space Race. Son precisamente os momentos nos que a instrumentación se volve máis densa nos que a proposta de Agoraphobia resulta máis interesante ou refrescante.

As letras dalgunhas das cancións semellan reflexionar sobre o que supón ter unha banda integramente femenina en situacións coma os concertos que nos últimos anos as levaron por distintos países ao longo do mundo, como pode ser o caso de É unha Opinión, onde atopamos frases como “Who is your manager? I just see a pretty girl, aren’t you afraid of touring alone? Do you need any help? I dont mind“.

A interpretación da banda destes temas transmite a suficiente enerxía que este tipo de música require, e a produción de Iago Lorenzo, sen arriscar en ningún momento, sabe moverse axeitadamente entre os sons limpos e definidos e a distorsión e a abstracción creada polos recurrentes efectos de ecos e reverberación. Sen embargo, bótase en falta por momentos unha maior variedade estilística e que a banda se atreva a explorar ideas non visitadas xa polo rock alternativo estadounidense dos anos 90.

Agoraphobia