Select Page

por | Xan 14, 2018 | Novidades | 2 Comentarios

Nace Balea Cultural

Cando se comezou a falar da posible creación dun portal como este, falamos de forma longa e tendida sobre cando e como sacalo adiante. E pode que as primeiras conversacións foran entre dous compañeiros de piso bailando e gritando como parvos pos adolescentes no WOS Inc de 2014. Pero rematou sendo iso, conversacións de borrachos, desas que nunca chegan a nada. Mais a idea de facelo nunca se foi, e aquí estamos: reclutamos a cinco tan parvas coma nós coas que compartiamos preocupacións e gustos, e agora toca escribir a primeira entrada da que decidimos unha mañá moi tonta chamar Balea Cultural. Porque si, porque nos peta, porque nos gustou o nome. Porque soaba ben.

Balea Cultural nace sen ningún tipo de fachendosidade, entre amizades antigas con moitas ganas de escribir publicamente o que levan durante moitos anos falando en privado. As nosas inquietudes, sorrises e emocións que moitas veces só por medio do arte conseguimos ver expresadas. E, dende aquí, esperamos que todos aqueles que lean algunha vez as nosas liñas vexan algo das súas reflexadas nelas.

E nacemos, aínda que sen fachendosidade, si por necesidade. Porque, como galegas, notabamos que faltaba algo nun mundo cultural tan rico coma o noso. E se ben moitas das que escribirán liñas aquí participan activamente nese mundo, tamén decidiron por freo a esa necesidade. Ese algo que faltaba era isto. Un portal web no que se busque enriquecer debates, facer chegar cultura, propia ou non, a todos aquelas que nos visiten, e, ademais, en galego. Pero tampouco nos esquecemos do que significa ser galegas, e as nosas inquietudes, sorrisos e emocións son políticas.

Buscaremos, a partir de agora, aportar aos vosos días o pouco que poidamos. Unhas liñas ás mañás sobre música, unha recomendación de cinema ou literatura, un artigo sobre algún dos nosos artistas favoritos ou, tamén, soltar as nosas ideas e opinións de forma aberta.

Este xaneiro nace Balea Cultural. E chegamos con moita ilusión e enerxía que esperamos transmitir. Que este proxecto perdure.